|
Os deputados do PSOE e do BNG rexeitaron onte na Comisión de Agricultura do Parlamento unha proposición non de lei na que o deputado popular César Pérez Ares reclamaba unha indicación xeográfica protexida para o kiwi galego. Das 500 hectáreas dedicadas actualmente ao cultivo do kiwi, a comarca do Baixo Miño concentra 350 hectáreas.
O deputado popular acudiu á Comisión de Agricultura do Parlamento cun lote de kiwi do Baixo Miño, que distribuíu entre deputados e xornalistas para que puidesen comprobar, en primeira persoa, as virtudes dunha froita que reúne numerosas propiedades nutricionais, entre as que destacou a elevada achega de vitaminas C. E máis E. Para Pérez Ares, o kiwi pode considerarse a "aspirina natural galega", dadas as numerosas propiedades que posúe. Pérez Ares considera contraditoria a postura mantida na Cámara autonómica por socialistas e nacionalistas, que mesmo chegaron a recoñecer a relevancia da produción e a calidade do kiwi galego. Ante a negativa de PSOE e BNG a apoiar a proposta, Pérez Ares anuncia que en datas próximas formulará unha nova iniciativa para demandar que o kiwi galego sexa recoñecido cunha marca de calidade, a través do Instituto Galego de Calidade, ao abeiro do Lei de Promoción e Defensa da Calidade Alimentaria Galega. O deputado popular considera que a actitude mantida hoxe polos socios do bipartito constitúe un duro golpe para os produtores de kiwi de Galicia, que o pasado outono perderon arredor do 70% da colleita anual por unha xeadas temperás, a escasos días da recolección da froita. Algúns produtores chegaron a perder o 100% da plantación. |