- “Por que lle tes medo ao galego? Atrévete” tenta desterrar os prexuízos e tópicos sobre a lingua que aínda persisten na mocidade
Galiza Nova porá en marcha no Baixo Miño a campaña “Por que lle tes medo ao galego? Atrévete” que foi presentada a semana pasada en Compostela. A campaña consistirá na pega de carteis en tódalas localidades da comarca, e ten como obxectivo promover o uso da lingua galega entre a xente nova.
Baixo o lema "Por que lle tes medo ao galego? Atrévete" a campaña pretende, en palabras da Secretaria Xeral, Iria Aboi, "que a mocidade galega se comprometa co futuro da lingua usándoa na súa vida diaria, así como loitar contra os prexuízos e tópicos contra o galego que aínda perviven na xente moza". Ademais, anima á mocidade a participar na manifestación do 18 de Maio en Santiago de Compostela a prol do idioma que organiza a Mesa pola Normalización Lingüística. "As administracións públicas deben garantir o dereito a utilizar a lingua galega" Neste sentido, a secretaria xeral de Galiza Nova defendeu "o dereito básico a utilizar o idioma nacional de Galiza, o galego, en todos os ámbitos da vida pública, un dereito que as Administracións Públicas deben garantir, incluídos os concellos", ante os continuos atrancos para vivir en galego. Puxo como exemplo que a imposibilidade de ver cinema en galego ou de estudar na nosa lingua. E aportou datos: ningunha universidade galega supera o 20% de aulas en galego ou a vertixinosa perda da lingua entre a mocidade urbana (só o 1,6 da mocidade de Ferrol ou o 4,3% da de Vigo tivo o galego como primeira lingua). "Máis de 30.000 dípticos, conferencias, ciclos de cinema....." En canto á campaña de Galiza Nova para fomentar o compromiso da mocidade co galego, o responsabel comarcal, Xosué Campos Laxes, detallou que se repartirán milleiros de dípticos; colocaranse cartazes polas rúas, bares, institutos; enviáronse cartas co material de campaña a todos os representantes de alunos de centros públicos e concertados; e organizáronse charlas en tódalas localidades da comarca, e despregaranse faixas cos lemas "En galego temos dereito" e "Vive en Galego"en tódalas localidades da comarca ao longo do mes de maio, usando este coma mes do galego. "As organizacións que se din defensoras do bilingüismo o que pretenden é manter a situación de inferioridade do galego" Por último, a secretaria xeral de Galiza Nova, Iria Aboi, criticou a "aquelas organizacións que se din defensoras do bilingüismo cando o que realmente pretenden é manter a diglosia, a situación de inferioridade social e xurídica do galego, e mesmamente a súa desaparición", por todo isto animou " a todas as mozas e mozos a participar da manifestación que sairá da alameda de santiago o domingo 18 de Maio". O responsábel comarcal de Galiza Nova, Xosué Campos Laxes, informou de que dende a Comarca do Baixo Miño sairan autobuses até Compostela. A hora de saída será aproximadamente ás 9:30 dende a Guarda e unha media hora despois parará na Corredoira de Tui (na parada habitual dos autobuses). o bus voltará despois de comer. |