|
Dentro do Maio Cultural que organiza a Concellería de Cultura, Educación e Participación Veciñal do Concello de Tomiño, celébrase este mércores, día 14 de maio, a obra “O Principiño en Madagascar”. A función, en conmemoración das Letras Galegas, comezará ás cinco e media da tarde no auditorio municipal de Goián.
A obra está especialmente indicada para maiores de 5 anos. " O Principiño en Madagascar" é un conto audiovisual que narra a aventura do escalador Toni Arbonés na súa busca por Madagascar dun exemplar do libro de "El Principito", de Saint Exúpery, escrito en lengua Malgache, a lingua falada nese país africano. Durante a súa viaxe, Toni irá descubrindo a cultura, as cores, a infancia, os valores, o sistema laboral, e demais características deste país africano, ofrecéndo un relato cheo de tenrura, emoción e imaxinación. É de resaltar a importancia da música, a imaxe e a cor do proxecto, e sobre todo, a presenza dun narrador-contacontos de excepción: o pequeno principiño, que irá introducindo os diferentes clips visuais, á vez que interaccionará co público infantil. Os responsables deste orixinal traballo son Álvaro Sanz e Raquel Galavís. O primeiro é profesor titular da Universidade Ramón Llull e Elisava de Barcelona, así como coordinador de Máster en deseño gráfico en TV, na Universidade Pompeu Fabra. Como realizador, dirixiu máis de 40 videoclips recibindo premios dentro e fora de España. Os seus documentais foron seleccionados en festivais internacionais e emitidos en varias televisións autonómicas. Raquel Galavís é actriz e presentadora de televisión con ampla experiencia no sector audiovisual. |