|
A asemblea comarcal da Cruz Vermella Baixo Miño realizará unha excursión cultural a Cambados coas asistentes ao taller de estimulación de memoria |
|
|
|
|
Mércores, 14 de Maio do 2008 |
|
O vindeiro xoves 15 de maio as 32 persoas asistentes ao taller de memoria de Cruz Vermella Baixo Miño participarán nunha excursión cultural a Cambados cos obxectivos entre outros de mellorar a autonomía dos usuarios, evitar situacións de illamento, facilitarlles opcións de lecer, promover as relacións interpersoais e con todo, mellorar a súa calidade de vida.
O taller de estimulación de memoria comezou a desenvolverse no ano 2003, no Club de Xubilados e pensionistas da Guarda; desde entón foise incrementando progresivamente o número de usuarios, superando na actualidade a trintena de participantes. Dous dos obxectivos principais desta actividade é mellorar a calidade de vida dos usuarios así como manter e mellorar as súas capacidades memorísticas e cognoscitivas. Esta actividade desenvólvese todos os Martes e Xoves en horario de 16:00 a 17:30 no Club de pensionistas e Xubilados da Guarda, durante un período similar ao dun curso escolar. A saída da excursión está programada para as 9:00 da mañá desde A Guarda con hora de regreso aproximada ás 21:00 da tarde ao lugar de partida. Esta excursión ten un carácter cultural e lúdico xa que as actividades organizadas comprenden visita aos museos, ruínas de Santa Mariña, muíño das mareas e por suposto, á casa de Ramón Cabanillas.
|