|
Beneficios e mercado de traballo, contrastes
Xabier P. Dávila O pasado 16 de novembro fixéronse públicos os beneficios de 34 das 35 empresas ( faltan os datos de Inditex) que cotizan no IBEX, índice bursátil que agrupa as empresas máis importantes de capital español. A suma dos seus beneficios nos nove primeiros meses do ano ascende a 25.651,3 millóns de euros. O incremento con respecto ao mesmo período do ano 2004 é do 31,3%, case dun terzo.
Uns poucos días antes soubemos que a suba salarial media de 3.228 convenios colectivos negociados até agosto era do 2,93%, inferior ao IPC ( índice de prezos ao consumo) acumulado nese mesmo mes que chegaba xa ao 3,3%. O IPC mide o aumento dos prezos, mais non é un indicador obxectivo. Para calculalo cómpre ponderar o peso que os distintos bens e servizos van ter na súa composición. A compra de vivenda, o ben que supón una parte máis importante do gasto familiar e cuxo prezo máis subiu nos últimos anos, non se inclúe no IPC por considerarse un investimento e non un gasto. Os salarios reais van perder, outro ano máis, poder adquisitivo. A previsión do goberno para o ano 2005 é que o PIB ( produto interior bruto) acadará un valor de 897.000 millóns de euros. Supoñendo que os beneficios das empresas do IBEX do cuarto trimestre sexan semellantes aos dos trimestres anteriores poderían chegar a case 35.000 millóns de euros de beneficios, un 3,87% do PIB. De cada 100 euros producidos, case 4 serán beneficios de 35 empresas. Se atendemos ás seis principais construtoras que cotizan en bolsa os seus beneficios nos nove meses de referencia foron de 1640,7 millóns de euros, cun aumento do 38,13%. Segundo datos do Ministerio e Traballo e Asuntos Sociais no segundo trimestre do ano 2005 había 1.751.800 afiliados á seguridade social no sector da construción dos que o 65,38% tiñan un contrato temporal, unha porcentaxe elevadísima mesmo no mercado laboral español que “ goza” da taxa de precariedade máis alta de toda a Unión Europea. No sector prodúcense máis de 14.000 accidentes laborais por cada 100.000 traballadores e no ano 2004 morreron en accidente 262 traballadores. Será demagoxia afirmar que o mercado de traballo español fabrica superbeneficios, baixos salarios, extrema precariedade laboral e sinistralidade inaceptábel? |