|
O fracaso da maioria nas primeiras duascentas millas compromete a Volta ao Mundo de vela
Gustavo Luca Esperaban unha singradura de seis mil millas deica Capetón pero non pasaron do Cabo de Roca. Catro horas despois dunha saída con barcos engalanados, bombarda militar e rosas no mar, a palabra desafio, a máis repetida na porta da aventura, cobraba realidade no corazón do torbón que rompía a maioria dos barcos na costa de Portugal.
Perguntaban a un vello capitán inglés ás portas da morte se queria deixar recado e respondeu: “Perdoo a todos meus inimigos, non sendo a costa de Portugal” Os derroteiros dos barcos de aparello de cruz avisaban que despois de tres dias de temporal de Noroeste a aparición dun vento Norte duro levanta moita mar en toda esta costa porque pega de fronte a unha corrente que sobe de Sagres a Touriñán, a mesma que fixo aparecer en Fisterra os corpos daqueles romeiros á Mirandela que se perderan na ponte de ferro do Douro. Dominada polos anglos, a lenda destes barcos de fórmula mitifica as latitudes corenta polo Sul, os Corenta Bramadores, a Mar de Tasmania e a porta dos xeos nas Shetland do Sul, xa nos cincuenta, moi visitados pola literatura e o cine pero as medidas obxectivas da hidrografía falan dunha mar dos corenta de latitude Norte no tan diferente, como ben poden contar os libros de bitácora dos barcos de pesca de matrícula cercana. Resulta cómico que xente con moitas mareas do Gransol ao lombo e algúns patróns de vela curados neste mar se deixen cegar por aquil relato das grandes ondas que agora lles chega en forma de propaganda pagada polos seus propios impostos. Algúns patróns expertos confirman esta opinión. Por exemplo Bouwe Bekking do Moviestar, que fixo varias veces a volta ao mundo e agora fala dos horrendous seas que atopou a poucas horas da parada naval de Vigo, cando ainda lembraba as buguinas dos disciplinados barcos de pesca de Vigo, Redondela e Marín en formación diante da Borneira para veren aos artistas; ou os dous tripulantes do ABM que baldeados na cuberta por un golpe de mar foron agarrarse na roda do leme de couse (babor) e arrincaronno do pedestal polo que despois entraba auga a cachón. Esperabamos que os sete barcos da Volta ao Mundo de Vela (VOR) responderan a dous desafíos. O primeiro é o técnico. Dende o comezo dos oitenta hai unha enxeñería de avangarda que busca un barco lixeiro, resistente e rápido. Está sobre todo representada polo neozelandés Bruce Farr. Vendo que a maioría dos deseños da VOR sairon da mesa deste deseñador sería xusto considerar que o desafío técnico é unha impostura. Farr procura un barco que non escore para que as velas envergadas en trinta metros de mastro rendan o máximo. Evitar os balanzos cunha arboradura tan sobredimensionada (con relación ao casco, que por riba é de extremada lixeireza e de carena chá) require o uso de orzas basculantes que actuan como estabilizadores. As pancas anti-escora móvense con poderosos émbolos hidráulicos que aplican esforzos enormes e que terman do máis firme que ten un barco tan levián: o mamparo central. Sometido ao desafio de endereitar todo este pendello mentres se debruzaba a trinta nós de velocidade cara o seo dunha onda cavada, os émbolos de escora do Movistar romperon o mamparo central. Outros tres barcos están tocados, entre eles o sueco Ericsson que rompeu a retranca polo pinzote (o artello que permite virar a retranca ou botavara a unha e outra banda do mastro). Avarías no leme A maioría das avarias refírense ao leme e aos estabilizadores. Bruce Farr di que estes barcos rompen porque van ao límite. As pás anti-escora están pensadas para unha caida a doce nós de velocidade, non máis. Na última Vendee-Globe tres barcos crebaron as famosas ás o que Russell Bowler, socio de Farr, chamou unha casualidade. Botáballe as culpas a cada patrón. Na Volta ao Mundo de 2002 tamén houbera catro avarías maiores que tiñan que ver co leme. Unha delas botou fóra da regata ao Tyco, que era o favorito. O outro desafío, solidario con este reto técnico, é o dos artistas da navegación. A grande pedagoxía das regatas de mar consiste en aprendermos a administrar as forzas segundo o antergo principio de que unha persoa na mar ten as forzas que sabe ter e non máis. Os favoritos desta regata antes de esfolaren os barcos, deberon escoller entre presentarlle vela ao vento vesánico ou arriar algo de trapo e conservar. Os que se moderaron van agora de primeiros. Na última edición da vella Regata da Concha de Traiñas, fronte unha mar cavada, os de Santander e Castro Urdiales vogaron a romper os remos, embarcaron unha onda e perderon. Gañou Hondarribia que arriaba a voga para acomodarse a forza do balanzo. A vela de altura está metida nunha competición millonaria na que a algúns lles parece música celestial a vella sabedoría izar a vela que se poda izar e non moita máis. Desprézase a experiencia. En 1989, a mesma Xunta que comprou por 600 millons de pesetas a saída da VOR, mandou a Xabier Gándara no Galiza pero o moito que aprendera aquela tripulación releouse ou fíxose de menos e non se quixo atender nesta ocasión o seu proxecto. Como a intención declarada da Xunta (iniciativa de Fraga asumida en todo polo Governo actual) era interesar á cidadanía na vela, era ben explicar as luminosas leccións deste desafío e non repetir algo tan estúpido coma que non mandamos aos artistas a loitar contra os elementos. Visto o prezo que nos van cobrar polo lindo privilexio da saída da VOR, temos todo o direito a que nos renda sequera en forma de experiencia. Pensen que con eses quince mil millóns de euros polos que vai quedar a factura final, poderiamos ter a rede de escolas de vela mellor dotada do mundo. |