|
Xeneral e presidente
Gustavo Luca Que un xefe de goberno rompa co seu partido sería un escándalo en calquera país do mundo. Sucede no Estado de Israel e nin sequera chega ás primeiras páxinas. O Likud ten tanto de partido coma o departamento de propaganda dun exército en guerra e os colonos dos territorios disputados militarmente son a súa xeografía do voto.
Os feitos que consagran a Sharon coma líder do Likud son todos militares. Non debe causar sorpresa porque Ariel Sharon non é outra cousa que un militar de profesión, con rango de xeneral en activo. A súa folla de servizos ten moitos nomes de batallas pero ningunha delas brilla por honra, valor ou heroismo. A máis nomeada foi a dirección de tropa e tanques contra as tendas dos campos de refuxiados Palestinianos de Sabra e Chatila en Beirut oeste, e comezou o 17 setembro de 1982, unha matanza de mulleres, nenos e vellos. A orden do xeneral Sharon foi recollida para a historia polos seus cronistas: “Que non quede nin un”. Por que se lanzou o 17 de setembro? Porque esa mesma data é a do Setembro Negro, a ofensiva que matou a máis de 25.000 palestinianos en Xordania. Por separado, calquera dos recursos que utiliza Sharon dende o governo contra os seus adversarios políticos merece un Nuremberg: detención sen límite de idade nin tempo (as cadeas do Estado de Israel teñen o censo de menores máis alto do mundo), tortura (sobre todo a menores), uso de tanques e avións contra vilas e aldeas sen interese militar nin estratéxico e asasinato de persoas e grupos . Sharon renuncia ao Likud porque toda a política que fixo dende este partido foi exclusivamente militar co resultado evidente de queimar a súa lexitimidade e a dos seus aliados da Internacional Socialista, reprensentada no seu governo polo xeneral polaco Simón Perez. Formar de novo governo con Pérez, salvar parte do Likud (prescindir da impresentabel) e dividir aos socialistas será posibel dende unhas novas siglas. A guerra contra Palestina tiña que producir tamén unha desfeita interna no Estado de Israel por moito que se trate dunha economía que vive dun cheque enviado por Norteamerica a fin de mes. Hai paro, miseria e sobre todo cansazo da guerra. O que queren agora os de Sharon e arriar o uniforme por un mes e continuar dende o Goberno a guerra e colonización de Palestina, segundo os obxectivos de 1948. Eses si que non varían. (Publicado en ANT) |