|
Quen entra no baile
Gustavo Luca 1955. Toda Franza mira para Skikda, a linda cidade branca de beiramar que levaba daquela o nome colonial de Phillippeville. Os comandos da FLN, a Fronte Nacional de Liberación, puñan bombas contra os musulmanos partidarios dunha administración autonómica para Alxer, aos que consideraban traidores, e tamén contra os franceses da colonia.
As familias dos enxeñeiros e técnicos do petróleo de Hasi Messaud vivian de flor na próspera Phillipeville convencidos de que a revolta nacionalista alxeriana era un asunto a resolver pola vía policial. O FLN colocaba explosivos nas salas de baile. Gillo Pontecorvo contou en cine de branco e negro como os compases dun cha-cha-cha remolón preceden nunha milésima de segundo a hecatombe de corpos de corpos e mesas disparados pola porta dun danzón. En Paris tamén queimaban estes dias salas de baile. Nos comezos da Batalla de Alxer, en Phillippeville, os cafés danzantes simbolizaban a burla colonial contra a agonía independentista. Hai quen se deixa levar pola tentación de igualar as dúas revoltas pero a de agora en Paris, Lyon, Amiens e Toulouse, protesta porque non a deixan entrar no baile. Os carros chamuscados son os que durmen na rúa porque os dos crocants, os dos que campan sobre os cartos, pasan a noite en garaxes con porta automática e alarma. En moitos casos, estes utilitarios ao raso representan a fuga de clase dalgúns inmigrantes que fixeron catro pesitos. Seguindo o rastro do lume podemos saber algo máis sobre os arrabaldos en pé de guerra. Arden as oficinas públicas de emprego e asistencia social, as que durante os últimos quince anos repartiron empregos lixo. A Administración republicana deu un algo, hai quen di que pouco, pero foi a que se fixo responsabel do lério. O escándalo é que o goberno que agora se bota de cabesa á pia do mercado xa non da nada. Arden as comisarías e os xulgados, a forza que defende este sistema. Arde o ministro da policía Sarkozy como lume de prevención para que non se incendie o Estado. O poder sempre tomou esta precaución, mesmo Aznar que puxo de cabo de varas ao máis idiota da tropa. A luz desta cacharela acode como non a prensa conservadora inglesa que denuncia a República por matar de fame (cita literal) aos musulmanos. A información está dirixida aos inmigrantes en Liverpool e no sul de Londres que darían algo por ter un programa de vivendas coma o da República. No entanto Blair explícalles compulsivamente que unha cousa é a Guerra do Iraq e outra as bombas humanas.(Publicando en ANT) |