|
O Pleno da Corporación pon en evidencia a morte política do goberno local do Partido Popular en Tui Con independencia da aprobación das catro mocións presentadas polo Grupo Municipal do BNG no Pleno do pasado venres día 30 de decembro, que valoramos na súa xusta medida, non podemos menos que valorar dende o Consello Local de Tui do Bloque Nacionalista Galego o acontecido como a evidencia da morte política do goberno do Partido Popular no Concello de Tui. Xa que non pode caracterizarse doutro xeito a falla de resposta á demanda cidadá a prol de aparcadoiros na nosa cidade.
No Pleno do pasado mes de outubro os concelleiros do Partido Popular rexeitaron a moción presentada polo Grupo Municipal do BNG na que se propuña a construción dun aparcadoiro polo sistema de concurso público, após da elaboración dun estudo de viabilidade, un proxecto de construción e un prego de condicións a cumprir polas empresas que opten no concurso público. A moción presentada polo BNG propuña baixo as rúas Lugo e Ourense e a praza de Galiza, se ben na exposición de motivos manifestamos a nosa disposición a estudar outros emprazamentos, textualmente dixemos “abertos a debater outras opcións”. Tratábase coa nosa moción de responder ao total desleixo que o goberno do PP manifesta neste tema como en tantos outros. Daquela a maioría que forman os concelleiros do Partido Popular rexeitou a moción, negándose a aceptar sequera a urxencia, e impedindo que se producise o debate sobre a mesma. Hoxe, dous meses despois daquela data, a demanda de construción dun aparcadoiro soterrado en Tui é un clamor social. A constitución dunha plataforma cidadá, da que o BNG forma parte, a prol desa obra e baixo as rúas novas é a resposta organizada da sociedade tudense ante a falla de goberno do Partido Popular no noso Concello. Mais a resposta do goberno local segue a ser a mesma: ningunha. A non introdución de ningún punto na orde do día do Pleno onde tratar o tema dos aparcadoiros é a mostra evidente da nosa afirmación da morte política do goberno do Partido Popular. Un goberno que deixa que pasen os anos sen solucionar os problemas e non reaxe nin cando a cidadanía llo demanda, é porque está morto. A situación do Concello de Tui como institución é hoxe, ao remate do ano 2005, moito peor que ao comezo de ano. Non é só o deterioro institucional polas implicacións penais de Alcalde, concelleiros e algúns funcionarios. É a morte a efectos políticos do goberno do Partido Popular en Tui. |