topleft
topright

Arquivo

Hemeroteca

Coñece....

O Baixo Miño

Servizos

Estatísticas

Visitantes: 3473592

Alternativas visuais

js_element_orange
A fundación para o Desenvolvemento da Comarca de Baixo Miño participará no proxecto PDF Imprimir Correo-e
Luns, 09 de Xaneiro do 2006

Medio Rural coordinará un proxecto de promoción do Camiño Portugués como itinerario cultural europeo

A Consellaría do Medio Rural recibiu a aprobación do proxecto Traslatio II, Herdanza Cultural do Camiño Portugués, destinado á cooperación transfronteiriza co obxectivo de favorecer o desenvolvemento territorial

A Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia, dependente da Consellaría do Medio Rural, recibiu a confirmación da aprobación do proxecto Traslatio II, Herdanza Cultural do Camiño Portugués, presentado á convocatoria da iniciativa comunitaria Interreg III A Galiza-norte de Portugal, destinada á cooperación transfronteiriza entre autoridades dos países veciños que pretende desenvolver os centros económicos e sociais mediante estratexias comúns para o desenvolvemento territorial.

O proxecto consiste na promoción do Camiño Portugués como un itinerario cultural europeo da Eurorrexión mediante a recuperación e revitalización en rede de diversos elementos do patrimonio histórico, arquitectónico, etnográfico e cultural deste Camiño a Santiago, así como o reforzo e valorización da súa identidade, coa promoción conxunta.

Entre os obxectivos está a creación dunha rede galaico-portuguesa do Camiño entre a administración e as asociacións privadas, que sirva como base para promover e coordinar actuacións futuras no Camiño Portugués; recuperar en rede diversos elementos do patrimonio histórico, arquitectónico, etnográfico, natural e cultural; reforzar a identidade do Camiño, promovendo conxuntamente a integración sociocultural do territorio transfronterizo. A riqueza cultural común vinculada á peregrinaxe cara Santiago de Compostela constitúe un rasgo identificador común da poboación local, que se erixe como un nexo de unión entre Galiza e o norte de Portugal, segundo recolle o proxecto. Preténdese tamén contribuír á promoción conxunta dos recursos, especialmente a través do uso das tecnoloxías da información e da comunicación.

O orzamento do proxecto é de 1.535.000 euros e, de acordo cos regulamentos dos fondos estruturais, financiaríase o 75% do proxecto (1.151.250,00 €) con fondos comunitarios e o restante 25% sería cofinanciado polos socios do proxecto (383.750,000 €). Os socios de Galiza son a Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal, as fundacións para o Desenvolvemento da Comarca de Baixo Miño e de Santiago e a Consellaría de Cultura e Deporte, mentres que os socios promotores do norte de Portugal son a Cámara Municipal de Barcelos, Cámara Municipal de Valença e a Cámara Municipal de Paredes de Coura.

As actuacións previstas no proxecto en canto á recuperación patrimonial arquitectónica, etnográfica e natural pasan pola recuperación e acondicionamento do trazado do Camiño Portugués, dende Barcelos ata Santiago de Compostela, así como a mellora dos elementos de sinalización; a recuperación de elementos etnográficos no trazado, como cruceiros, petos de ánimas ou pontes; a recuperación integral e adaptación de edificios singulares como albergues ou como centros de apoio a peregrinos e tamén a recuperación do contorno natural contiguo ao itinerario como a recuperación e posta en valor de espazos de repouso utilizados polos peregrinos.

Co fin de reforzar a identidade do Camiño, organizarase unha exposición itinerante denominada “Camiño de Santiago portugués”, consistente nunha colección de fotografías en branco e negro realizadas por un peregrino que coa súa cámara plasma a vida do camiño, os seus ambientes, acenos, sensacións, lugares, textos de peregrinos anónimos acompañan cada fotografía, dando lugar un Camiño de Santiago inédito e anónimo. A mostra consistirá na exposición en 15 centros comarcais galegos e nas tres cámaras municipais portuguesas que participan no proxecto, co fin de darlle a coñecer o Camiño Portugués ao público. Ademais, realizarase unha curtametraxe animada sobre guía para pequenos camiñantes.

Organizaranse relatorios e seminarios sobre temas relacionados co patrimonio cultural, natural e etnográfico do Camiño Portugués, normativa turística, políticas de desenvolvemento do sector en Galiza, comercialización e promoción de destinos turísticos, evolución do sector turístico e perspectivas de futuro, análises dos recursos e potencialidades do turismo cultural, entre outros.

Comarca de Santiago

A Fundación para o Desenvolvemento da Comarca de Santiago será o socio encargado de coordinar as accións do proxecto e de executar as obras de acondicionamento do Camiño Portugués na parroquia de Calo no municipio de Teo; do tramo da ruta do Camiño portugués no Concello de Santiago; da área de lecer da ruta do Camiño portugués en Ames e mais do contorno do camiño no Concello de Brión.

Os concellos de Ames, Brión, Teo e Santiago de Compostela beneficiaranse das actuacións de recuperación patrimonial nos seus respectivos concellos e estarán financiadas polo proxecto nun 75% do custo total da obra que ten un orzamento de 137.414,59 € por actuación. Esta obra deberá ser executada e desembolsada na súa totalidade por cada concello e, unha vez xustificada, será financiada no seu 75% mediante un convenio asinado polos responsables dos concellos da comarca polos que pasa o Camiño Portugués e a Fundación Comarcal de Santiago.

 
< Ant.   Seg. >
Image
 
arela Xoería Creativa
 
Creative Commons License
Os contidos desta web están baixo unha licenza Creative Commons salvo que se indique o contrario.
(c) InfoRosal 2005 - 2008.
Resolución recomendada 1024 x 768 píxeles.