topleft
topright

Arquivo

Hemeroteca

Coñece....

O Baixo Miño

Servizos

Estatísticas

Visitantes: 3615785

Alternativas visuais

js_element_orange
KERALA, UNHA EXPERIENCIA DESCOÑECIDA PDF Imprimir Correo-e
Martes, 10 de Xaneiro do 2006

ImageKERALA, UNHA EXPERIENCIA DESCOÑECIDA

Xabier P. Dávila

Os medios de persuasión e comunicación de masas agachan ou non salientan numerosas experiencias que contradín a ortodoxia económica neoliberal. No meu anterior artigo comparaba os éxitos das políticas públicas dos países escandinavos fronte aos fracasos das políticas de mercado dos países anglosaxóns na loita contra a pobreza infantil. Uns e outros pertencen ao grupo de estados de alto nivel de renda.

¿Que ocorre cos países de baixo nivel de renda? Cuba é un caso coñecido. Segundo o Informe Sobre o desenvolvemento Humano 2005 ( ISDH5) do Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento ( PNUD) ocupa a posición 92 en renda per cápita e a 52 no índice de desenvolvemento humano entre os 177 estados que analiza o informe. Mellora polo tanto 40 postos. A provisión pública de sanidade e educación permite que o pobo disfrute de niveis de saúde e formación moi superiores aos que lle correspondería polo nivel de renda.

En troco se falamos de Kerala probabelmente non saibamos nin situalo no mapa. Kerala é un estado de India cunha poboación duns 31 millóns de habitantes. Lendo o informe citado chamáronme a atención algúns datos. As nenas de Kerala teñen 5 veces máis probabilidades de chegaren ao seu quinto aniversario e vivirán 20 anos máis cás do estado de Uttar Pradesh. En India morre aproximadamente un cada 11 nen@s antes de cumprir os 5 anos, en Kerala un de cada 50. En India hai menos mulleres ca homes como resultado dos infanticidios e da menor importancia que se lle dá á saúde feminina, en Kerala a porcentaxe de mulleres na poboación é a natural: o 52% ( ver táboa). ¿ Como se explican estas diferenzas?

Para o ISDH5 a explicación reside nas políticas públicas destinadas a espallar a distribución dos beneficios provenientes do crecemento, ao maior investimento público en zonas rurais e servizos e ao liderato político para combater a dsigualdade de xénero.

Busco na rede mundial máis información sobre Kerala. Atopo un estudo de Patrick Heller e T.M. Thomas Isaac . A loita pola independencia foi dirixida neste estado polo Partido Comunista da India, que gañou as primeiras eleccións democráticas en 1957. Este partido que gobernou en distintas etapas até a actualidade apoiou os grupos marxinais como as mulleres, as tribos ( adivasis) e os intocábeis ( dalits). Importantes movementos de masas presionaron o goberno para o alargamento de programas sociais, o control do mercado de traballo e a posta en marcha de reformas agrarias. Mesmo en épocas de estancamento económico os indicadores sociais melloraron. O PCI loitou nos anos 50 e 60 polos dereitos dos rendeiros pobres, nos anos 70 defendeu os traballadores sen terra e nos anos 80 procurou a sindicalización dos traballadores do sector informal. Como resultado do caudal mobilizador acumulado o executivo promove os dereitos das clases desfavorecidas e puxo en marcha programas de reformas sociais e redistribución da riqueza. A forza dos movementos populares fai que esta preocupación polas clases subordinadas continúe mesmo cando a esquerda perde o poder.

No ano 1996 a Fronte Democrática de Esquerda, liderada polo PCI, gaña outra volta as eleccións e organiza unha Campaña Popular pola Descentralización do Planeamento. Os órganos de poder local decidirán sobre o 40% das partidas gubernamentais para o desenvolvemento.

O estado indio de Kerala é outro exemplo de como en calquera nivel de desenvolvemento económico unha xestión encabezada polas forzas políticas de esquerda, apoiada nunha ampla mobilización social e dirixida á defensa das necesidades das capas máis desfavorecidas consegue mellorar a súa saúde, a súa formación e pode contribuír a combater discriminación de xénero.

 Diferenzas entre estados da India
     
Indicadores
India  KeralaBihar  Raxasthan Uttat Pradesh
 Proporción de mulleres na poboación (%)
48 52 49 48 48 
 Taxa de mortalidade de menores de 5 anos (por mil nacidos vivos)
95 19 105 115 123 
 Taxa de fecundidade total (nacementos por muller)
2,9 3,5 3,8 
 Partos atendidos por persoal sanitario (%)
42 94 23 36 22 
 Nenos que reciben todas as vacinas (%)
42 80 11 17 21 

 

 

 

 

 

 

 

 

Fonte: Informe sobre o desenvolvemento humano 2005. 

 
< Ant.   Seg. >

Colaboradores


   
 Rudesindo Soutelo Marta Dacosta
Silvio Falcón Marga do Val
 
Creative Commons License
Os contidos desta web están baixo unha licenza Creative Commons salvo que se indique o contrario.
(c) InfoRosal 2005 - 2008.
Resolución recomendada 1024 x 768 píxeles.