|
Vaise o petróleo, volve o agro
Gustavo Luca A suba do petróleo provocada pola invasión do Iraq baixa a tensión do sangue en todo o mundo. Os países industrializados están paralisados polo terror e a Grande Prensa fai un esforzo por colocar na primeira páxina outros asuntos que distraian a atención. Trátase de que o universo leitor non relacione o problema dos combustibeis fóseis co aumento dos prezos e co debalo da vida.
O esforzo por afastar a vista do problema revela ben as claras que o asunto non é de brincadeira. O matemático Yves Cochet, que fora ministro do meio ambiente no governo de Lionel Jospin, di que mália non vivirmos unha apocalipse (calcula que haberá petróleo até o 2050) temos que asumir que asistimos ao final da era do petróleo regalado que asegurou o crecimento do Norte do planeta durante os últimos 150 anos. Un pozo de petróleo pórtase coma unha garrafa de champán: recén aberto reborda mais unha vez demediado so se pode server botando man da lei de fluidos. Para os petroleiros, o peak oil é a cuiña ou pico da pirámide e unha vez pasada todo o camiño é costa abaixo. Nas campas de Texas, o petróleo superou o peak oil en 1970 e a política exterior norteamericana consiste dende aquela en amarrar as reservas do mundo. Acabada a metade da dotación inicial da terra, fican reservas nos grandes fondos mariños e nas areias asfálticas do Canadá, de extracción máis cara e complicada. Hai quen prefire pensar que o fin do petróleo barato non será morte de home. Yves Cochet lembra que do petróleo depende o transporte. O 30% do prezo dun billete de avión vai para o queroseno. Co petróleo caro en 2010, senón antes, terán desaparecido as compañias marxinais o que deixará ás industrias de sol e praia en estado agónico. O aumento dos custes da agricultura e do transporte de alimentos acabará coas grandes cadeas de distribución, os hiper, que funcionan mercé a prezos de transporte mínimos. Se esta visión chega a ser realidade, sonará a hora de revisar os sistemas agrícolas. Para producir unha caloría baixo forma de alimento, hoxe son precisas 13 de enerxía. Só aproximando o lugar de producción ao de consumo, con sistemas de cultivo tradicionais e mediante a reducción de calorías de orixe animal (que requiren máis calorías para seren producidas) poderemos substituir as grandes multinacionais de prezos imbatibeis. Nos primeiros anos sesenta era vivísimo o debate sobre o futuro da agricultura na Galiza, con ainda máis do 30% do censo activo dedicado ao campo. Todos os argumentos a prol da industrialización do agro tiñan o seu alicerce no petróleo oferecido. Que pouco durou aquela razón tan arrogante e indiscutibel. A realidade de hoxe xa non se parece nen a da França (a que lle compramos as verduras, aliás) porque todas as cidades francesas receben o fresco do seu proprio cinto agrícola. A Vigo ou Corunha chegan repolos e mazás do Alto Adigio! Xa hai quen se pon de cuñas ao escoitar este argumento porque pensa que a agricultura industrial non ten alavanca de marcha atrás. É o mesmo que se lle dixo aos agraristas hai agora cen anos. Alcumándoos de anacrónicos pretendían acabar con aquela defensa do direito a vivir e habitar a propia terra que levaba dentro toda a potencia da convicción nacionalista. Que queiran que non terá que renacer a agricultura do país, que non vai ser coma a de hai cen anos, pero que levará dentro o mesmo cerne nacionalista que defendeu, e non é cativa a prenda, a língua durante 500 anos e contra todo o que choveu. Desta xa non poderán dicer que non é moderno. (Publicado en ANT) |