|
O can de Sharon
Gustavo Luca Era ben noite e petaron na porta. Cando alguén chama de madrugada en Palestina non é o carteiro, un aviso, nin un veciño. Os que viven a carón saben como se entra e non hai costume de pechar portas.
Fronte a casa, un sarxento do exército de ocupación daba ordes por un megáfono ao pé de dous grandes focos. Non se movan ou disparamos. Nestas baixaron do carro un can e lle entregaron a responsabilidade operativa da loita contra o terrorismo. Un animal de grande alzada, cunha cámara de vídeo no lombo que avanzou cara unha das casas coma obxectivo racional na súa cruzada contra a delincuencia e conforme a varios anos de academia militar. O sarxento e os soldados moveron a cabeza compracidos. Dentro da casa, o dogo cheirou resistencia, cansazo e algo de té con menta. No primeiro piso, un neno de doce anos sentado no seu leito seguia con ollos de sono a inspección do coronel con orellas recortadas e dentamia de serra. Despois todo sucedeu no que descarga un lóstrego. O can trabou pola coxa direita ao cativo palestiniano e turrou del polas escadas abaixo. O comando do heroico exército de Israel observaba pola cámara do lombo do can a loita de toda unha familia por librar da morte ao seu cativo. Pero o comando recibía ordes do can e na milicia a escala de mando é sagrada. Estes sucesos aconteceron na véspera do Nadal na castigada Ienin, na Palestina ocupada. O cativo está nun hospital con feridas graves, salvado só pola educación prusiana do can que deixou caer a presa á porta do carro blindado. O do can é o último invento do exército sionista para reducir aos habitantes dos territorios ocupados. Dende o enfoque militar, o can é superior ao soldado convencional porque non repara en detalles e igual clava un vello nunha cadeira de rodas que unha nai moribunda ou un pícaro no seu leito. Para o oficial canino, todos os que non mexan contra o poste da luz son idénticos e precindibeis. Conta Zárate na crónica da conquista do Perú, que máis eficientes que a pólvora eran os cans dogos e lebreis cos que os soldados cristianos aperreaban os indios. Di Zárate: “E nin sequera había que darlles de comer” (aos cans) O terror era tan grande que as veces chegaba con tentar o can e facelo ladrar para someter un mundo de indios. Na Palestina, o can non chega para decruar terra incógnita coma no Perú, senón ao final. Nos últimos anos, para convencer ao mundo da súa vontade de paz, Ariel Sharon deixou sen auga a moitas aldeas palestinas, arrincoulles millón e medio de árbores, cegoulles camiños, matou 576 menores, feriu 3.471 e ten na cadea case setecentos que tamén están privados de libros escolares e en moitos casos incomunicados. Para acabar coa transmisión de coñecementos perigosos, mandou matar 32 mestres e agora constrúe un muro que vai encerrar moitas aldeas palestinas de maneira que está garantido que non accedan ás escolas. |