|
Domingo, 24 de Xullo do 2005 |
ACONTECEMENTOS
Moncho Fernández Leal
A designación da cidade que vai albergar os Xogos Olímpicos de 2012
amosou máis unha vez un patrioterismo español dun ridículo similar ao
do Festival de Eurovisión. Está o acontecemento máis perto das
multinacionais ca do internacionalismo.
Por outra banda, reuníronse os dirixentes dos países do grupo chamado
G-8, que representan ao 10% da poboación, pero que ten o 60% da riqueza
mundial e controla o Consello de Seguridade da ONU, o FMI e o Banco
Mundial.
A resposta máis significativa veu dada polos movementos denominados
antiglobalización, activos moitos deles unicamente nas manifestacións
de protesta que acompañan eses cumios e que presentan, ás veces, unha
sospeitosa violencia que serve de disculpa para equiparar as protestas
a un partido de fútbol de máxima rivalidade.
Os festivais Live-8 levan unha capa de optimismo non xustificado e a
mensaxe de que o expolio desaparecerá de súpeto por decisión dos países
que viven a conta dela. Teñen fe en que o raposo vai coidar do
galiñeiro. A pobreza coma marketing. Tamén con multinacionais detrás.
Ningunha das persoas que actuou era africana. O organizador saíu
sorrindo a carón de Blair. Eles saberán.
Os atentados en Londres contra quen viaxa en metro e autobús, que nunca
son os Blair e Bush, lograron que se presentasen os dirixentes do G-8
responsábeis directos das inxustizas do mundo, coma garantes dos
dereitos humanos.
As mortes seguen a ter xerarquía. Non hai o mesmo tratamento mediático,
xa non para a xente bombardeada en Belgrado, Iraq, Afganistán, senón
para quen morreu nos atentados de Bali, Marrocos ou Turquía.
Rexeitamos coa mesma convicción as bombas de Londres coma as invasións
e as guerras imperialistas, e a existencia do G-8, que fai posible que
asasinen 40 mil persoas cada día no atentado terrorista que se chama
fame. (ANT 1.184) |