|
A historia de Oia (*) Hai centos e centos de anos, aló polo século XII, cando reinaba D. Afonso VII, comezaba a nacer unha pequena vila: Santa María a Real e Imperial de Oia, títulos concedidos por soberanos, que iniciaba o seu andar ao abrigo do Mosteiro do Císter. Ben é certo que a orixe deste cenobio está cargada de densas brumas, uns din que se fundou no século VI, outros no VII. Mais o que si sabemos é que polo ano 1137 xa facían vida monástica os fillos de San Benito nas proximidades de Oia. Estes habitaban na ermida de San Cosme e San Damián, encima de Erizana (Baiona), na de San Mamede de Loureza e na da Nosa Señora de Oia, onde se xuntaban os días solemnes para tratar o espírito. Eran estes, monxes beneditinos de hábito negro. No mes de xuño dese mesmo ano, D. Afonso VII concedeu ao mosteiro dous privilexios: no primeiro doaba a metade das igrexas de Erizana e da Guarda, así como a totalidade das de Mougás, Pedornes, Burgueira, Lauseto e o Rosal. Polo segundo, doaba a Igrexa de San Cosme e San Damián. Era este o primeiro grande paso para conformar o que hoxe coñecemos como Oia. Froito desta doazón, podemos dicir que se uniron as comunidades dos monxes Bieitos ou monxes negros, xa mencionados.  Cabalo na Valga Este acervo de privilexios, que iniciou o rei da Galiza (a partir de 1126 tamén rei de León e Castela), non cesarían de chover sobre o mosteiro ao longo de catro séculos, estendéndose as posesións de Oia por toda a rexión do Baixo Miño, pasando a Portugal (1 ) e chegando ás mesmas portas de Lisboa. Gozou de dereitos sobre os cabalos ceibes dos montes da Groba, tamén sobre un grupo de pescadores do litoral de Oia e do río Miño, privilexio este último que lle concedeu Sancho VI (1286), onde aparece a orixe Imperial do Mosteiro. E foron pasando os anos 1137, 1159, 1228, 1286,… sucedéndose os monarcas… cada vez o poder e riquezas ían a máis. Houbo no 1185 un cambio importante na vida monástica, os beneditinos de Santa María de Oia seguiron o exemplo doutras tantas comunidades beneditinas uníndose á reforma do Císter , un movemento de renovación iniciado en Francia, pasando a ser monxes cistercienses ou de hábito branco. Son estes novos relixiosos os que levantan o mosteiro que vemos hoxe, basados nos desexos do impulsor do Císter de aforro, simplicidade, austeridade e pobreza, e os novos protagonistas da historia deste grande cenobio. Crearon novas aldeas, rotaron terras que estaban improdutivas, estenderon as vides (parece ser que trouxeron o albariño), difundiron os muíños de auga, defenderon a costa de piratas e corsarios… As xentes que dependían do abade de Oia encontraban no cenobio asistencia, consello, acougo, ensino e protección.  Mosteiro de Oia E pasaron os séculos XIII, XIV, XV,… relucentes e de apoxeo, asumindo os relixiosos a defensa da ribeira do mar, pois o mosteiro encontrábase exposto ás incursións de inimigos e piratas. Foi por este motivo polo que se construíu á maneira de castelo, dotado de armamento e municións co obxecto de defenderse e rexeitar calquera ataque. O mesmo abade tiña rango de xeneral e podía congregar aos veciños dos pobos limítrofes, se no horizonte se advertía algunha incursión de corsarios inimigos. Á fronte do mosteiro encontrábase a praza de armas defendida con 9 canóns. A data de 1835 trae a expulsión dos relixiosos, o silencio, o abandono e o esquecemento para esta abadía de longa e lucinte historia. É a desamortización de Mendizábal. Véndese o mosteiro, menos a Igrexa, a mans laicas. Esta convértese en parroquia en 1838. Desde o ano de 1910 até 1932 foi colexio e noviciado dos xesuítas portugueses, xa que foran desterrados do seu país. No 32 foron obrigados tamén a saír de España. No trienio de 1936 até 1939, triste e doloroso, foi campo de concentración de prisioneiros do exército republicano. Hoxe, este cenobio que organizou e colonizou grande parte do Baixo Miño e moitos coutos alleos, nos tempos en que a fartura enchía as súas despensas e adegas, anuncia unha próxima ruína. Nada queda daquel mosteiro de privilexios, granxas e prioratos. A vila e porto de Baiona que foran concedidas por D. Afonso VII ao mosteiro de San Cosme, incorporado despois ao de Oia, foi tomada polos Reis para si, dada a importancia do sitio, dando recompensa ao Mosteiro. Praza de Armas Aló polo ano 1625, encontrábanse no porto de Baiona cinco navíos mouros, cando avistaron ao lonxe tres embarcacións cristiás rumbo a Portugal. Máis rápidos cun raio, saíron na súa persecución, obrigando aos cristiáns a refuxiarse no porto de Oia. Os mouros abriron fogo de artillaría sobre eles, e despois de intentalo bastante sen conseguir facer branco, intentaron penetrar no porto aproveitando o descenso da marea. Mais, cal foi a súa sorpresa, que alí estaban ao pé do canón os monxes do Císter. Comezaron a disparar desde a Praza de Armas do Mosteiro, algúns mosquetazos e un relixioso que fora soldado, cargando unha peza cunha soa libra de pólvora, deu fogo dicindo “no nome de Santa María do Mar” e disparou con tan boa fortuna que botou ao fondo a mellor nao dos mouros, os cales vendo o sucedido abriron belas e escaparon. O eco do acontecido foi tal que chegou á Corte. Felipe IV non puido menos que felicitar, premiar e recoñecer a intrepidez dos monxes, concedéndolles o título de Santa María a Real de Oia. (1) Debemos ter en conta que Portugal (Portucale, naquela altura) facía parte do Reino da Galiza, até que en 1143 se proclama o Reino de Portucale e este, en consecuencia, pasa a ser independente. (*) Fonte: Oiaweb Publicado coa súa autorización.
|